Mañá viviremos un momento moi especial: a organización do Son de Marín rende homenaxe á nosa asociación polos nosos 51 anos de historia ininterrompida, dedicados á música tradicional e á cultura marinense.
Desde a súa fundación no ano 1974, da man do Padre Marino no Colexio San Narciso, Os Chaneiros mantemos vivo o legado musical de compositores locais como Antonio Fernández e Landín Pazos, e levamos medio século sendo parte activa da vida cultural de Marín e da súa contorna.
Fomos semente doutras agrupacións, escola de gaiteiros como Anxo Lorenzo ou Xosé Manuel Budiño, e seguimos formando novas xeracións que senten orgullo da nosa música, dos nosos bailes e da nosa identidade.
Este recoñecemento chega no marco dun ano moi especial, no que celebramos o noso 50+1 aniversario cunha intensa actividade cultural, entre a que destacan:
🎬 O noso documental “OS CHANEIROS, medio século de música”, realizado por Alejandra Justo e o equipo de Lostrego Filmes.
🎉 A próxima edición do Memorial Padre Marino – Antonio Fernández, que celebraremos o domingo 7 de setembro, con actuacións para toda a familia, música en directo e moitas sorpresas.
🎵 A nosa presenza constante nas festas de Marín, pasacorredoiras, romarías e iniciativas culturais como o Samaín de Briz ou o Concurso de Cuartetos.
Queremos agradecer especialmente ó Colexio San Narciso e ó seu director, Antonio Traba, polo seu apoio clave neste camiño, abríndonos as portas nun momento crucial para seguir compartindo o noso legado.
Mañá non só celebramos un recoñecemento, celebramos a música, a amizade e o espírito de Os Chaneiros.


Deixa unha resposta