O máis bonito de Os Chaneiros pode ser que é un grupo con moita historia escrita, pero tamén con moita historia por escribir…
Co remate do século XX, Os Chaneiros afrontaban un novo milenio cun compromiso renovado coa tradición e unha ollada firme cara ao futuro. Foi unha etapa de continuidade e adaptación.
Despois de décadas formando parte do tecido cultural de Marín, o grupo seguiu traballando con constancia para manter viva a música tradicional galega, abríndose tamén a novas xeracións e a formatos distintos sen perder o seu carácter popular e comunitario.
Anos de relevo e continuidade na banda de gaitas
Coa marcha de Antonio Fernández e o Padre Marino nos anos noventa, o grupo viviu momentos de cambio, pero soubo manter a súa esencia. A filosofía de ensinar e compartir seguiu vixente: os máis veteranos fixéronse cargo da formación dos novos, dando lugar a unha etapa marcada polo relevo xeracional.
Durante os primeiros anos do 2000, incorporouse xente nova, non só do colexio San Narciso, senón tamén doutros puntos de Marín e arredores.
A gaita, a percusión e os instrumentos tradicionais seguiron soando nos ensaios semanais, e a escola continuou sendo un espazo clave para a aprendizaxe. Non sempre foi doado manter o número de rapaces e rapazas, pero o espírito de grupo e a vontade de facer música en común nunca faltaron.

ano 2009, un gran ano para os chaneiros e o folklore galego en marín
Na longa traxectoria de Os Chaneiros, hai datas que marcan un antes e un despois. E sen dúbida, o ano 2009 foi un deses fitos que quedaron gravados con forza na memoria colectiva do grupo. Ese ano, coincidindo co 35 aniversario da súa fundación, a agrupación viviu un auténtico reencontro interxeracional e, ademais, deu un paso decisivo cara ao futuro coa creación dun novo proxecto musical: As Chaneiras, o grupo de cantareiras que tantas alegrías supuxo para o grupo.
35 anos de música, amizade e identidade
No 2009, Os Chaneiros celebraron con emoción o seu 35º aniversario, unha efeméride que serviu para reunir a máis de 200 antigos compoñentes que, ao longo das décadas, pasaron polas súas filas.
O encontro foi moito máis que unha festa: foi unha homenaxe aos fundadores, especialmente ao Padre Marino e a Antonio Fernández, cuxo legado segue vivo no corazón de cada peza interpretada, aínda a día de hoxe. A celebración incluíu unha exposición de fotos e recordos no Museo Manuel Torres de Marín, e culminou cunha comida-troula na Goleta de Aguete onde gaitas, pandeiretas e voces se uniron para revivir o espírito dos primeiros anos.
Podes consultar unha nota de prensa na Voz de Galicia e otra mención no Faro de Vigo.
Este acto simbólico reforzou a identidade da banda de gaitas de Marín e puxo de manifesto que, máis alá da música:
Os Chaneiros son unha gran familia unida pola tradición e o amor á cultura galega.
As Chaneiras: a voz feminina
Outro acontecemento clave dese 2009 foi o nacemento de As Chaneiras, o grupo de cantareiras que complementou o labor instrumental da banda cunha nova dimensión vocal. Formado inicialmente por rapazas vinculadas á escola de música de Os Chaneiros, este grupo foi ensaiado e impulsado por Lola de Ribeira, unha figura clave no desenvolvemento vocal do proxecto.

As Chaneiras supuxeron unha revolución dentro do grupo, achegando un repertorio de pezas tradicionais, panxoliñas, cantos de traballo e temas de raíz que enriqueceron as actuacións da agrupación. A súa evolución foi meteórica: en poucos anos chegaron incluso a gravar dous discos, deixando testemuña da calidade musical e do compromiso coa tradición oral galega.
Este grupo feminino deu tamén visibilidade ao papel das mulleres na música tradicional, nun momento no que recuperar e poñer en valor as voces femininas era —e segue sendo— unha tarefa fundamental.
Pero tamén houbo outros acontecimientos importantes para o grupo como o Bautizo de Mar co que agasallou o Real Club de Mar de Aguete e diferentes actuacións que foron recollidas en prensa, acadando un tercer premio de música tradicional cun cuarteto en A Coruña.
Actuacións, colaboracións e presenza no territorio
Durante toda a década de 2010, Os Chaneiros seguiron participando en festas, romarías, certames e encontros por toda Galicia. A súa actividade estivo marcada pola colaboración con outras agrupacións e pola diversidade dos escenarios: desde parroquias ata festivais, pasando por actos relixiosos, culturais ou educativos.
Tamén destacaron colaboracións puntuais como a do espectáculo de Óscar Ibáñez e Tribo, en 2018, ou con Foula, Queiman e Pousa en “Amantes da terra”, nos espectáculos que fixeron a raíz da homenaxe a Antonio Fraguas.
Sen pretensións de ser protagonistas, Os Chaneiros sempre se sumaron con humildade e compromiso a calquera iniciativa que servise para achegar a música tradicional ao público.
Lembranzas e homenaxes
Ao longo destes anos, tamén houbo momentos para lembrar. No 2011, finou Antonio Fernández, un dos fundadores, e en 2019 foi o Padre Marino quen nos deixou. En ambos casos, o grupo organizou actos de despedida e homenaxe con música e ofrendas, como a interpretación da peza “Pepita Reiríz”, dedicada á dona de Antonio, que se lle tocou baixo a súa xanela días antes de morrer.
A partir de 2012 púxose en marcha o Memorial Antonio Fernández, un encontro que mestura música, lembranza e aprendizaxe, con concursos de cuartetos e xornadas dedicadas ao repertorio creado por el. Estas citas serven tamén para reforzar a memoria común e manter vivo o legado dos que puxeron en marcha o proxecto.
Un grupo de gaitas e folclore galego en constante evolución
A realidade actual dos Chaneiros reflicte os cambios naturais dun colectivo con máis de 50 anos de traxectoria. Na última década, o número de cativos na escola baixou respecto a épocas anteriores, mais o grupo segue activo.
Hoxe conta con persoas de idades moi diversas, dende nenos pequenos ata maiores xubilados, pasando por adultos que comezaron de moi nenos no grupo e que ensaian semanalmente no SEI San Narciso.
O repertorio tamén foi evolucionando: mantéñense pezas tradicionais e composicións propias de Antonio Fernández, ás que se suman temas doutras figuras como Landín ou músicas recollidas do cancioneiro popular. Cada tempada prepárase un concerto, e a actividade combínase con actuacións por toda Galicia e, en ocasións, en Portugal.
Os Chaneiros en Marín: medio século de historia e futuro
Con máis de cincuenta anos de traxectoria, Os Chaneiros son hoxe unha referencia indiscutible no panorama da música tradicional galega. A súa banda de gaitas e o grupo de cantareiras son un orgullo para Marín, representando o mellor da nosa cultura: tradición, comunidade e compromiso.

Hoxe en día, aínda que xa non hai tantos nenos como noutras etapas, estáse a recuperar un bo grupo de rapazada e a filosofía continúa sendo a mesma: compartir a música tradicional galega con paixón, respecto e ganas de aprender, adaptándose aos tempos sen renunciar ao esencial.
Os anos, o traballo, a vida e a rutina fixeron que uns deixasen a agrupación e, outros novos se sumaran a Chaneiros, destacando casos como o de Rubén Espino, un vallisoletano con alma galega que demostra cada día o seu amor pola nosa Musica!!
Mirando cara ao futuro, a agrupación continúa traballando con ilusión e explorando novas vías de difusión, como as redes sociais e as plataformas dixitais. O seu obxectivo segue sendo o mesmo: levar a música tradicional galega alí onde haxa un corazón disposto a escoitala.
E ti, súmaste á tradición chaneira?








Deixa unha resposta